Cara á era políglota

Chegar a falar diferentes linguas é máis fácil do que pensas, explícanos Neil Madden

Se alguén che dixese “flisni me mua”, saberías dicir o que significa ou de que lingua se trata? Preto de 225 linguas compoñen a rica herdanza lingüística de Europa, algo que deberiamos celebrar. Con todo, cabe preguntarse ata que punto os europeos somos capaces de aprender as linguas dos nosos países veciños (e non tan veciños). Aínda que moitos europeos cren que ser monolingüe é a norma, a realidade é que entre a metade e dous terzos da poboación mundial é dalgún modo bilingüe, mentres que un número significativo é “plurilingüe”, é dicir, competente en varias linguas (entende e/ou escribe e/ou fala…).

O plurilingüismo podería considerarse como unha condición máis natural que o monolingüismo para o ser humano. Hai millóns de persoas que cren que non saben ningún outro idioma ademais da súa lingua materna e, con todo, moitos contan con certo nivel de comprensión noutro idioma. Alén diso, as oportunidades de aprender outro idioma son hoxe maiores ca nunca.

Para destacar a importancia da aprendizaxe de linguas, o Consello de Europa declarou o Día Europeo das Linguas (DEL), celebrado o 26 de setembro de cada ano. A idea tras o DEL é a de promover o “plurilingüismo”, un concepto que non nos é novo nin tampouco descoñecido. De feito, trátase dunha realidade cotiá para africanos e asiáticos e é a norma nalgunhas partes de Europa, concretamente no Benelux, Escandinavia e nos países mediterráneos. O cal non significa que debamos forzosamente aspirar a un “nivel nativo” noutra lingua. O obxectivo é sermos capaces de comunicarnos e ser entendidos dependendo das nosas necesidades. A expansión internacional do inglés parece irresistible e as enquisas amosan que adquirir certo nivel de competencia en inglés podería ser unha prioridade para a maior parte do estudantado de idiomas (un de cada tres declara que pode manter unha conversa, segundo o Eurobarómetro).

Con todo, unha vez acadado o obxectivo do inglés, non hai razón ningunha para deixar de aprender outras linguas. Existen moitos outros idiomas que constitúen valiosas ferramentas para aproveitar ao máximo cada experiencia da vida, xa sexan un emprego ou unha viaxe. Unha das ironías do mundo globalizado é que, con cada vez máis persoas alcanzando un bo nivel de competencia na “lingua franca”, o valor do inglés podería declinar. Axiña, o que marcará a diferenza será a habilidade para falar idiomas adicionais. No mundo laboral e na contorna académica, os nativos de lingua inglesa terán que competir con candidatos e candidatas que, ademais de falar a súa lingua materna, tamén falarán inglés e, cada vez máis, contarán cun nivel significativo dun terceiro ou cuarto idioma. A competencia lingüística non supón só beneficios económicos, senón que ademais nos impulsan a ser máis abertos a outros, ás súas culturas e actitudes; permítenos operar diferentes sistemas de representación estimulando así a nosa flexibilidade mental e desenvolver unha perspectiva distinta. Non hai que subestimar a oportunidade que nos brinda aprender unha lingua no que se refire a comprender mellor as persoas, a cultura e a tradición doutros países. Aqueles que son capaces de comunicarse con persoas doutras culturas son, con frecuencia, máis tolerantes. Non hai que esquecer tampouco que ser monolingüe significa depender da competencia lingüística e da boa vontade doutros. Aprender outra lingua é moito máis que adquirir unha destreza; reflicte unha actitude de respecto pola identidade e a cultura dos demais, así como tolerancia cara á diversidade.

O Consello de Europa ideou un programa que nos permite avaliar o noso nivel de competencia nunha lingua estranxeira. O Portfolio Europeo das Linguas busca motivar o estudantado de linguas mediante o recoñecemento dos seus esforzos á hora de ampliar e diversificar os seus coñecementos lingüísticos a todos os niveis. O Portfolio é un rexistro das destrezas adquiridas que pode ser consultado, por exemplo, para acceder a un nivel máis alto de aprendizaxe ou á busca de traballo no propio país ou no estranxeiro. Por medio dun cadro de autoavaliación, o estudantado pode avaliar as súas habilidades – comprender, ler, falar e escribir – e cualificalas segundo os seis niveles europeos. Estes estándares foron adoptados polos organismos de certificación máis importantes de Europa, por moitos Estados membros e pola Unión Europea, en concreto como parte do seu esquema Europass, un sistema deseñado para facer que as habilidades sexan máis transparentes e comparables entre os Estados membros. Un dos obxectivos primordiais do Día Europeo das Linguas é reafirmar a idea de que a aprendizaxe de linguas é un proceso de formación permanente. Moitas persoas adultas cren que, se perderon (ou desaproveitaron) a oportunidade de adquirir unha nova lingua durante os seus anos de educación formal, é demasiado tarde para renovar o proceso. Pero non o é. En toda Europa existen clases, programas e técnicas (desde libros a CD-ROMs) para mellorar as destrezas/competencias lingüísticas. O que a miúdo falta é a motivación para superar o “factor medo ás linguas”. Moitas persoas desenvolven as súas competencias lingüísticas tras deixar a escola ou a universidade, o que non é sorprendente se temos en conta que a aprendizaxe de linguas na escola se converte con frecuencia nunha obriga en lugar de nunha oportunidade. É só cando comezamos a explorar o mundo exterior, xa sexa por motivos laborais ou lúdicos, cando nos decatamos do valor doutros idiomas. E lembra que cada lingua que se aprende resulta progresivamente máis fácil. Por tanto, unha vez superada a dificultade inicial, non o dubides, se che apetece probar o húngaro ou o cantonés, ponte ao choio!

Se desexas mellorar os teus coñecementos lingüísticos e saber máis acerca do Día Europeo das Linguas, as seguintes webs resultaranche de utilidade:

 

Por certo, a resposta á pregunta inicial é “fálame”, en albanés.

Neil Madden é un xornalista freelance con residencia en Estrasburgo.