Celebremos a diversidade lingüística
A condición humana
O noso planeta está habitado por máis de sete mil millóns de habitantes que, á súa vez, falan entre 6000 e 7000 linguas distintas. Algunhas destas linguas, coma o inglés ou o chinés, son faladas por millóns de persoas, mentres que outras só son utilizadas por uns miles ou tan só uns poucos falantes. De feito, o 96 % das linguas no mundo son faladas por só o 4 % da poboación. Os europeos a miúdo cren que o seu continente conta cun número excepcional de linguas, especialmente comparado con Norteamérica ou Australia. Con todo, unicamente o 3 % do total –225 linguas– son indíxenas europeas. A maior parte das linguas do mundo fálanse nunha zona ampla a ambos os dous lados do Ecuador – no sueste de Asia, na India, en África e en Sudamérica.
Aínda que moitos europeos cren que ser monolingüe é a norma, a realidade é que entre a metade e dous terzos da poboación mundial é dalgún xeito bilingüe, mentres que un número significativo é plurilingüe. O plurilingüismo podería considerarse como unha condición máis natural que o monolingüismo para o ser humano.
A diversidade de linguas e culturas, como a biodiversidade, é considerada cada vez máis como algo positivo e fermoso. Cada idioma ten a súa propia maneira de ver o mundo e é produto da súa propia historia, todas as linguas teñen a súa identidade individual e o seu valor e todas son igualmente axeitadas como modos de expresión para as persoas que as empregan. Os datos relativos á velocidade á que a cativada aprende a falar amosan que non hai unha lingua que sexa intrinsecamente máis difícil que outra.
A estrutura da linguaxe
A linguaxe é un sistema arbitrario de sons e símbolos empregado con fins diferentes por un grupo de persoas coa intención de comunicarse, expresar unha identidade cultural, crear relacións sociais e ofrecer unha fonte de desfrute (por exemplo, na literatura). As linguas diferéncianse entre elas polos seus sons, pola súa gramática, polo seu vocabulario e pola forma do discurso. Con todo, as linguas son entes complexos e os seus sons vocais e consonánticos poden variar de menos dunha ducia a máis de cen. As linguas europeas tenden a roldar entre os 25 sons (coma o español) a máis de 60 (por exemplo, o irlandés). Os alfabetos reflicten os sons con diferente exactitude: algúns alfabetos (por exemplo, o galés) son moi regulares á hora de simbolizar os sons. Outros (por exemplo, o inglés) son moi irregulares. No tocante á gramática, cada idioma inclúe miles de regras de formación de palabras e de construción de oracións.
Cada lingua ten un enorme vocabulario para cubrir as necesidades das súas persoas usuarias – no caso das linguas europeas, onde o vocabulario científico e técnico é moi amplo, o número de palabras e frases supera as 50.000. As palabras que coñecen pero non empregan – o seu vocabulario pasivo – son maiores. As linguas vivas e as culturas cambian constantemente e as persoas inflúense mutuamente en canto á súa maneira de falar e escribir. Os novos medios de comunicación tales como a Internet ofrecen novas oportunidades de crecemento. As linguas están en contacto constante e aféctanse de diversas maneiras, especialmente mediante a adopción de estranxeirismos. O inglés, por exemplo, adoptou palabras de máis de 350 linguas e todas as linguas europeas na actualidade empregan palabras procedentes do inglés.
Adquisición da linguaxe
A tarefa de aprender unha lingua materna lévase a cabo durante o primeiros cinco anos de vida, aínda que certas características da linguaxe (tales como a adquisición de vocabulario) se aprenden durante toda a vida. A linguaxe desenvólvese en diferentes etapas. Durante o seu primeiro ano de vida, o bebé comeza a producir unha serie de sons dos cales emerxen o ritmo, a entoación e, por último, as vocais e as consoantes. As primeiras palabras compresibles chegan aproximadamente no primeiro ano de vida; durante o segundo ano aparecen as combinacións de dúas palabras e, aos poucos, o neno empeza a enunciar frases de tres ou catro palabras. Os nenos e nenas de tres e catro anos utilizan frases cada vez máis complexas e longas. De feito, o vocabulario crece das 50 palabras activas aos 18 meses a varios miles de palabras á idade de cinco anos. A lingua materna descríbese normalmente como a primeira lingua que un individuo aprende ou a súa lingua primaria e trátase da lingua que mellor coñecemos, a que máis empregamos ou a lingua coa que máis sentimos identificados. Algunhas persoas bilingües aprenderon dúas linguas de maneira tan próxima que lles resulta imposible elixir entre elas en termos de “primeira” ou “segunda” lingua. Con todo, para a maioría das persoas bilingües a distinción é máis clara, xa que a aprendizaxe da segunda e da terceira lingua ten lugar no colexio ou máis adiante.
Non existe un límite de idade máis aló do cal sexa imposible aprender outra lingua. O bilingüismo é un fenómeno complexo. Un mito común é a crenza de que as habilidades lingüísticas dunha persoa bilingüe están igualmente desenvolvidas en ambas as linguas. Outra crenza é que todas as persoas bilingües contan coas mesmas habilidades. O certo é que as persoas bilingües presentan moitos tipos de bilingüismo. Por exemplo, algúns soan como falantes nativos en ambas as linguas; outros teñen un marcado acento estranxeiro nunha delas. Algúns poden ler ben en ambas as linguas; outros poden facelo só nunha. Algúns prefiren escribir nunha lingua pero só son capaces de falar na outra. O bilingüismo pode aumentar a posibilidade de aprender outras linguas con éxito; aprender un terceiro idioma é máis fácil cando xa se aprendeu un segundo. Segundo os estudos, a capacidade de progreso das persoas bilingües podería ser máis rápida que a das persoas monolingües en certas áreas de desenvolvemento cognitivo temperán e as súas habilidades lingüísticas son máis creativas en moitos aspectos. As persoas bilingües contan coa gran vantaxe de seren capaces de comunicarse cunha gran variedade de persoas. Debido a que están expostas a dúas ou máis culturas de maneira moi próxima, a súa habilidade pode axudarlles a seren máis sensibles á hora de comunicárense e a desexar superaren as barreiras culturais, así como a construíren pontes entre persoas de diferentes orixes. Pero tamén existen motivos prácticos: as persoas bilingües contan cunha potencial vantaxe económica, xa que terán acceso a un maior número de empregos. Ademais, as compañías multilingües teñen cada vez máis vantaxe competitiva con respecto ás monolingües no mercado.
As familias lingüísticas
As linguas relaciónanse as unhas coas outras como os membros dunha familia. Debido ás súas orixes comúns, a maioría das linguas en Europa poden agruparse nunha gran familia de linguas indoeuropeas. As familias lingüísticas europeas compostas por máis linguas e máis falantes son as familias xermánica, romance e eslava.
A familia de linguas xermánicas conta cunha rama norte formada polo danés, o noruegués, o sueco, o islandés e o feroés, así como cunha rama occidental, na que se recollen o alemán, o neerlandés, o frisón, o inglés e o yiddish.
A familia de linguas romances está composta polo romanés, o italiano, o corso, o español, o portugués, o catalán, o occitano, o francés, o romanche, o ladino e o sardo.
O ruso, o ucraíno, o bielorruso, o polaco, o serbio, o checo, o eslovaco, o esloveno, o serbio, o croata, o macedonio e o búlgaro pertencen á familia das linguas eslavas.
A familia celta está composta polo irlandés o gaélico escocés, o galés e o bretón, amais de por algúns movementos para a recuperación do córnico e do gaélico manés. Na familia de linguas bálticas atopamos o letón e o lituano. O grego, o albanés e o armenio son independentes e o éuscaro é un caso excepcional, posto que non pertence a ningunha familia indoeuropea e as súas orixes descoñécense.
Outras familias lingüísticas que contan con membros en Europa son as linguas urálicas (ao norte), o finlandés, o estoniano, o húngaro, moitas das linguas laponas, e outras pequenas linguas faladas na parte norte da Federación Rusa, coma o ingrio ou o carelio. No sueste atopamos representantes da familia de linguas altaicas coma o turco e o azerí. As linguas do Cáucaso fálanse nunha área relativamente pequena e compacta entre o Mar Negro e o Mar Caspio e inclúen uns 40 membros, entre os cales se atopan o xeorxiano e o abjasio. A familia afro-asiática está composta polo maltés, polo hebreo e polo bereber. Nestas linguas o número de signos é reducido. A maior parte das linguas fan uso do alfabeto romano (ou latín) aínda que o ruso e outras linguas eslavas se serven do alfabeto cirílico. O grego, o yiddish, ao armenio e o xeorxiano contan co seu propio alfabeto. As linguas non europeas utilizadas amplamente no territorio europeo inclúen o árabe, o chinés e o hindi, cada un dos cales conta co seu propio sistema de escritura.
As linguas de Europa
Aínda que se obtiveron diferentes estimacións, sábese que existen aproximadamente 225 linguas autóctonas en Europa. As cinco máis faladas segundo número de falantes nativos son o ruso, o alemán, o inglés, o francés e o italiano. Con todo, a maioría dos países europeos operan de maneira rutineira con varias linguas. As excepcións son pequenos estados como Liechtenstein ou a Santa Sé (o Vaticano) e, mesmo nestes lugares, dáse un uso significativo de segundas linguas. Os 49 estados que forman parte do Convenio Cultural Europeo fan uso de 42 linguas oficiais ou nacionais e moitas outórganlles un status especial a outras linguas. Na maioría dos países fálase por tradición algunha lingua minoritaria ou rexional. A Federación Rusa conta co número máis elevado de linguas nun mesmo territorio; o número varía das 130 ás 200 dependendo do criterio.
Algunhas linguas rexionais e minoritarias obtiveron o status de linguas oficiais nas rexións onde se falan, como é o caso do éuscaro, o catalán e o galego en España. O galés está protexido por unha serie de dereitos lingüísticos no Reino Unido, coma o frisón nos Países Baixos e as linguas sami en Noruega, Suecia e Finlandia. Debido ao influxo de emigrantes e refuxiados procedentes de todo o mundo, Europa é cada vez máis multilingüe. En Londres, por exemplo, fálanse máis de 300 linguas. Noutras cidades máis grandes e especialmente en Europa occidental, o número de linguas maternas faladas entre a poboación escolarizada varía entre as 100 e as 200. As linguas máis estendidas inclúen o árabe, o bereber, o turco, o kurdo, o hindi, o punyabí e o chinés. Con todo, moitas destas linguas son faladas por minorías e o seu futuro vese ameazado polo que a interacción diaria informal entre pais e fillos é crucial para a súa supervivencia. Os expertos estiman que durante este século, polo menos a metade das linguas do mundo ou mesmo máis se extinguirán. Unha lingua pode desaparecer por completo en dúas xeracións se non se transmite de pais a fillos. As razóns polas que unha lingua desaparece son múltiples, incluíndo a destrución física (crise ambiental e enfermidade) dunha comunidade ou o seu hábitat, antagonismo activo de grupos políticos e – a causa máis común- dominación económica e cultural de linguas máis poderosas e prestixiosas.
Independentemente da causa, o resultado é o mesmo: a humanidade perde un recurso único. Por esa razón o traballo do Consello de Europa deu lugar en 1998 a dous importantes instrumentos internacionais. A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias está asinada por 22* Estados membros, e o Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais, está asinada por 39* Estados membros. A importancia destes tratados reside na protección e promoción da riqueza lingüística de Europa (*ratificacións en 2007). No século XXI toda a cidadanía europea viven nunha contorna multilingüe, é dicir, tópanse diariamente diferentes linguas no autobús ou no tren, na televisión, na radio ou os xornais, mesmo nos ingredientes dun produto no supermercado. Por iso, é necesario aumentar o coñecemento popular e o entendemento da diversidade de linguas en Europa, así como os factores que afectan o seu mantemento e crecemento. É necesario tamén xerar un maior interese e espertar a curiosidade polas linguas, así como promover a tolerancia lingüística en e entre as nacións. Estes eran só algúns dos obxectivos do Día Europeo delas linguas en 2001, organizado polo Consello de Europa e a Unión Europea. En vésperas do evento de clausura do ano, o Comité de Ministros do Consello de Europa decidiu que o Día Europeo das Linguas sería celebrado o 26 de setembro de cada ano con obxectivos similares aos dese ano.