Aprende máis sobre a lingua de signos
01
1. A palabra “xordo” escríbese ás veces con maiúscula e outras en minúscula. Hai un motivo específico?
Neste campo de estudos, o uso dunha letra “X” maiúscula na palabra “Xordo” denota pertenza á comunidade de xordos e o emprego dunha lingua de signos como primeira lingua ou de uso preferente. O uso dun “x” minúsculo na palabra “xordo” fai referencia a persoas que padecen unha perda auditiva diagnosticada, pero que poden non considerarse membros da comunidade de xordos e poida que non utilicen unha lingua de signos ( ver “Signed Languages in Education in Europe – a preliminary exploration”, Lorraine LEESON, Dublín. Consello de Europa. 2006).
|
02
2. Son todos os usuarios de lingua de signos persoas xordas ou discapacitados auditivos?
Non. Os fillos de persoas xordas a miúdo aprenden a lingua de signos; a lingua de signos nativa dos seus pais será a súa primeira lingua, antes ca calquera outra lingua oral. Ademais, os pais e os irmáns de nenos xordos aprenderán a lingua de signos para facilitar a comunicación. Tamén existen persoas que aprenden lingua de signos no seu tempo libre porque teñen amigos que a utilizan, porque desexan converterse en intérpretes ou porque simplemente están interesados en aprendela.
|
03
3. Existe unha lingua de signos universal?
Non. Hai moitas variedades. Mesmo pode haber máis dunha lingua de signos nun país, tal e como ocorre coas linguas orais. Por exemplo, en Bélxica utilízanse dúas linguas de signos (a lingua de signos belga francófona e a lingua de signos flamenca) ou en España (a lingua de signos española e a catalá). Ademais, hai diferentes linguas de signos en países onde se fala o mesmo idioma, como é o caso de Reino Unido e Irlanda. Isto débese a unha evolución histórica que difire das linguas orais.
|
04
4. Podemos dividir as linguas de signos en “familias” (como as familias orais – romances ou eslavas por exemplo) que permitirían a intercomprensión?
Si, as linguas de signos pertencen a familias. Por exemplo, a lingua de signos austríaca ou a neerlandesa son máis fáciles de entender para alguén que sabe lingua de signos alemá que para alguén que sabe lingua de signos italiana. En contraste, a británica é moi diferente a calquera outra lingua de signos europea e tan só se relaciona coa australiana.
|
05
Hai unha lingua de signos internacional que poida considerarse como “lingua franca”?
Existe un sistema de comunicación internacional chamado Sistema de Signos Internacional (SSI). A miúdo se utiliza en conferencias internacionais e reunións con participantes que non comparten unha lingua de signos común. Esta lingua auxiliar é utilizada como lingua franca entre usuarios de lingua de signos de diferentes países, así como en conversas espontáneas. Con todo, non é posible comparala co esperanto, xa que este sistema non é unha lingua en si. Non conta cunha gramática nin cun léxico, unha gran parte deste componse de xestos que teñen significado unicamente dentro dun contexto e fai uso do vocabulario procedente da lingua materna do usuario. Isto significa que os signos se explican e que a miúdo se utiliza máis dun signo para describir un concepto con obxectivo de asegurar a claridade.
|
06
Son as linguas de signos unha simple representación das palabras faladas/escritas?
Non. Son linguas completamente desenvoltas coa súa propia gramática e sintaxe. Tal e como ocorre en calquera lingua, hai frases feitas difíciles de traducir e certas palabras/signos que non teñen unha tradución literal noutra lingua (de signos).
|
07
Hai unha forma estándar de falar por medio de acenos en cada lingua? Existen “dialectos” como nas linguas orais?
Houbo intentos de estandarizar linguas de signos en Europa. Como ocorre coas linguas orais, estes intentos non deron froito e os dialectos seguen existindo. Isto tamén é debido a que as escolas de xordos se atopan en diferentes partes dos países e utilizan certos signos que son despois difundidos polas persoas máis novas. A miúdo, os signos que representan os días da semana e os meses, xunto coas cores, adoitan diferir.
|
08
Cantas persoas utilizan linguas de signos nos Estados membros do Consello de Europa?
Isto é difícil de responder. Non existen estatísticas fiables nos Estados membros. Estímase que na Unión Europea hai 750.000 usuarios de lingua de signos. De media, as persoas que utilizan a lingua de signos son aproximadamente o 0,1 % da poboación de calquera país, sen incluír as persoas que aprenden a lingua de signos como segunda lingua ou fillos de pais xordos ou outros membros da familia. En Finlandia hai aproximadamente 5000 usuarios de LS; en Francia 100.000 e en Romanía de 20.000 a 30.000.
|
09
Relacionouse a lingua de signos co Marco Común Europeo de Referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación – existente en máis de 35 linguas –?
O Ministerio de Educación francés preparou unha adaptación dalgunhas partes do Marco (na súa versión francesa) para lingua de signos francesa, en particular os niveis comúns de referencia e os descritores.
|
10
Existe unha maneira de transcribir a lingua de signos?
Si, a lingua de signos pode transcribirse de varias maneiras. Non hai un modo estándar de transcribir a lingua de signos pero a miúdo utilízase o Sistema de transcrición de Hamburgo, (HamNoSys), que inclúe certos símbolos para describir a forma da man e o movemento do signo. Outro sistema que funciona de maneira moi similar é a signo-escritura. Ademais, utilízanse tamén as “glosas”, acenos transcritos en letra maiúscula onde os trazos non manuais e a información gramatical aparecen sobre a palabra ou en forma de prefixos. Para máis información visita as seguintes webs: http://www.signwriting.org/, ou http://assets.cambridge.org/97805216/37183/sample/9780521637183web.pdf (capítulo ‘conventions’), ou http://www.sign-lang.uni-hamburg.de/projects/hamnosys.html
|
11
Onde podo atopar máis información sobre a lingua de signos e como podo aprender unha?
O mellor é que contactes coa túa Asociación Nacional de Xordos para te informares sobre onde se imparten clases de lingua de signos e aprenderes así máis sobre a túa lingua de signos nacional. Poderás atopar máis información sobre asociacións de xordos na Unión Europea visitando a páxina web da Unión Europea de Xordos (EUD): http://eud.eu/eud_Members-i-159.html (mapa) e na páxina da Federación Mundial de Xordos (WDF): http://www.wfdeaf.org/members/ordinary-members/list-of-members
Gustaríanos agradecer a colaboración substancial de Mark Wheatley e Annika Pabsch da Unión Europea de Xordos (EUD - www.eud.eu) nesta sección.
|