en  fr  cs  de  et  el  es  ga  hr  it  pl  ro  sq  sk  sl  sv  nn  sr  bs  lt  mk  lb  nl  hy  pt  tr  da  bg  fi  hu  ka  lv  eu  ca  ru  gl

Quen pode participar?


TODO O MUNDO pode participar dalgunha maneira no Día Europeo das Lingua!


Teñas a idade que teñas, individualmente ou en grupo, como organización (colexio ou asociación) ou simplemente entre amigos: todo o mundo pode participar no DEL. Hai moitas maneiras de contribuír ao éxito da xornada: podes tomar parte en actividades organizadas ou podes xuntarte con outros e crear eventos (non esquezas introducir os detalles do teu evento no calendario de eventos DEL). A continuación, amosámosche algunhas posibilidades:

ALUMNADO / ESTUDANTADO: Alumnado e estudantes de linguas pasarán un bo intre cos nosos xogos e actividades online e, ao mesmo tempo, aprenderán máis sobre a diversidade de linguas en Europa. Os amantes da música poden mesmo organizar un concerto para promoveren as diferentes linguas e xéneros musicais que existen en Europa e compartir as actuacións con outros a través desta web.
 
PROFESORADO: o Día Europeo das Linguas ofrece múltiples posibilidades tanto para profesores de linguas como para profesores doutras materias: a oportunidade de aprender máis sobre outras culturas, tradicións e linguas que non están normalmente presentes na aula; a oportunidade de fomentar o talento creativo do alumnado a través de escenificacións onde amosen as linguas que falan; organizar unha actividade interactiva ao redor de “un café de linguas” ou poñer de relevo todas as linguas que se falan nun centro…
 
UNIVERSIDADES / CENTROS EDUCATIVOS: O Día Europeo das Linguas é unha oportunidade única para ver a universidade ou o centro educativo e a súa contorna como un punto onde persoas de procedencias distintas se encontran, viven e interactúan e onde as linguas prosperan. Que che parecería organizar grupos de debate entre persoas con diferentes linguas maternas? As redes sociais son un bo método para a organización de encontros coma este, mesmo podes facerte fan do grupo de DEL no Facebook . As universidades ou os centros que se atopen en países fronteirizos poden organizar viaxes para coñecer alumnado do outro lado da fronteira. Os centros poden tamén organizar competicións baseadas na adquisición e mellora das destrezas lingüísticas.

En realidade, TODO O MUNDO pode participar no Día Europeo das Linguas, xa sexa convidando a veciñanza de diferentes culturas ou decorando a casa con pósters e adhesivos do Día Europeo das Linguas. Poida que non chegues a políglota nun só día, pero probablemente ampliarás os teus horizontes e seguro que gozarás dunha experiencia agradable e enriquecedora.