en  fr  cs  de  et  el  es  ga  hr  it  pl  ro  sq  sk  sl  sv  nn  sr  bs  lt  mk  lb  nl  hy  pt  tr  da  bg  fi  hu  ka  lv  eu  ca  ru  gl

Por que un Día Europeo das Linguas?

Nunca existiron tantas oportunidades de traballo ou estudo noutro país europeo. Con todo, a falta de competencias lingüísticas é un lastre para moitas persoas que poderían beneficiarse delas.

Debido á globalización e ás estruturas das grandes empresas internacionais, os coñecementos de lingua estranxeira volvéronse necesarios para realizar un traballo eficaz no propio país de orixe. Saber inglés xa non abonda.

Europa é rica en linguas: existen máis de 200 linguas europeas e moitas máis faladas por cidadáns cuxa familia provén doutros continentes. Este é un importante recurso que debe ser recoñecido, utilizado e valorado.

A aprendizaxe de linguas é beneficiosa para xente nova e adulta – nunca se é demasiado vello para aprender unha lingua e gozar das oportunidades que ofrece. Mesmo se tan só falas unhas palabras da lingua do país que visitas (por exemplo, nas vacacións), isto permíteche coñecer novas amizades e contactos.

Aprender outras linguas é unha maneira de chegar a comprendernos e de superar as nosas diferenzas culturais.

OBXECTIVOS

As destrezas lingüísticas son unha necesidade e un dereito para TODOS e TODAS. Este é unha das principais mensaxes do Día Europeo das Linguas.

Os obxectivos xerais son a concienciación pública no referente á:

  • Riqueza da diversidade lingüística europea, que debe ser preservada e reforzada.
  • Necesidade de ampliar a variedade de linguas que se aprenden (incluíndo as linguas menos faladas), o cal se traduce en plurilingüismo.
  • Crecente necesidade de alcanzar un bo nivel en dúas linguas ou máis co obxectivo de tomar parte activa na cidadanía democrática de Europa.

… o Comité de Ministros decidiu declarar a celebración dun día europeo das linguas o 26 de setembro de cada ano. O Comité recomendou que a xornada fose organizada dunha maneira flexible e descentralizada para responder aos desexos e aos recursos dos Estados membros que poderían definir mellor os seus propios procesos; tamén recomendou que o Consello de Europa propuxese un tema común cada ano. O Comité de Ministros convida a Unión Europea a unirse ao Consello de Europa nesta iniciativa. Agárdase que esta xornada se celebre en cooperación con todos os socios relevantes».

Decisión do Comité de Ministros do Consello de Europa, Estrasburgo (776ª reunión, 6 de decembro de 2011)